Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño consegue 1,2 millóns de euros da Deputación para financiar a implantación do novo modelo de recollida de residuos

Data de publicación: 08/05/2025

O deputado provincial Roberto Carrero visitou onte pola tarde o Concello para anunciar que a Deputación de Pontevedra, cun investimento de 1,2 millóns de euros, financiará a implantación dun novo modelo de recollida de residuos en Tomiño. Farao a través dos recursos do Plan Extra, para os que o organismo provincial comprometera xa 900.000 euros, e con 300.000 euros do +Provincia . O deputado foi recibido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, máis a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.


Roberto Carrero, quen estivo acompañado pola concelleira do PP, Mónica Otero, deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Tomiño financiar o proxecto de mellora da xestión dos residuos (separación, recollida e tratamento) para poñer en marcha un sistema máis eficiente, sostible e adaptado a un territorio con poboación dispersa e de carácter rural. Deste xeito implantarase un servizo de recollida porta a porta nas zonas rurais, instalaranse centros de reciclaxe integrais comunitarios nos núcleos urbanos, seguirase mellorando o modelo de xestión descentralizada de biorresiduos xa implantado dende o ano 2016 ao abeiro do Plan Revitaliza; e poranse en marcha accións de sensibilización e educación ambiental.


O deputado provincial remarcou que esta actuación “é un exemplo da forma de actuar da Deputación de Pontevedra, escoitando aos concellos e dando resposta ás súas necesidades con plans como o Extra ou o +Provincia que están permitindo transformar as vilas e pobos, con actuacións que modernizan o territorio, melloran a calidade de vida da veciñanza”.


A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, agradeceu o investimento provincial que contribuirá a cambiar o modelo de xestión de residuos de maneira integral, para o que o Concello solicitou diferentes achegas ás distintas administracións. A alcaldesa destaca que este novo modelo de xestión de residuos permitirá prestar un servizo de calidade, adaptado a realidade territorial e demográfica do noso concello, con taxas xustas (segundo a producción de residuos de cada quen) e co que aspiramos a unha reducción na xeración de residuos e un incremento significativo nas porcentaxes de recollida selectiva, para avanzar no cumprimento dos diferentes obxectivos de xestión de residuos marcados pola normativa.


 


The post Tomiño consegue 1,2 millóns de euros da Deputación para financiar a implantación do novo modelo de recollida de residuos appeared first on Concello de Tomiño.