O deseño de Paloma Bravo Alonso resultou gañador entre máis de 60 creacións presentadas ao concurso das Letras Galegas 2025 convocado pola OMIX Tomiño (Oficina Municipal de Información Xuvenil), para a camiseta conmemorativa que acostuma a editar nestas datas.
“A idea naceu do meu gato Ringo, e a frase “Ei, ho! Comeuche a lingua o gato?” veu soa de por si. O gracioso é que esquecera por completo a data e o día de entrega e mandeino a última hora a todo correr, o que fixo que non lle dese moitas voltas ao deseño, que foi fresco e directo. Quixen que a mensaxe fose directa, coma un desafío a todos nós para usarmos a nosa lingua con naturalidade, sen vergoña. E faime moita ilusión que este deseño gañase, xa que, un ano despois de que Ringo nos deixase, segue aquí connosco”, explica a autora.
Paloma (30 anos, tomiñesa por adopción) sempre tivo interese polo deseño e a creatividade. En 2017 comezou a ser voluntaria da OMIX, presentando entón un primeiro deseño para o concurso baixo o lema “Ensíname a túa lingua”. Este ano volveu a Tomiño tras pasar unha tempada fora, animándose a participar de novo no certame.
Recentemente realizou un curso de deseño e decidiu abrir un espazo en Instagram (Pipoca Brava), onde comparte os seus debuxos e ilustracións. “Aínda que o meu futuro está na ensinanza, gústame poder expresarme emocionalmente e transmitir mensaxes a través dos meus garabatos”, sinala Paloma, que escolleu un Kindle (libro electrónico) como premio.
O seu deseño irá nas camisetas coas que se agasallará ás persoas que participen nas actividades do Día das Letras Galegas 2025, o sábado 17 deste mes), adicado a render homenaxe ás “cantareiras” (poesía popular oral medieval que acompaña á sociedade galega desde sempre).
Deseño gañador e o gato “Ringo”, no que se inspirou a autora.

The post Unha rapaza tomiñesa gana o premio do deseño para a camiseta das Letras Galegas 2025 appeared first on Concello de Tomiño.