Será ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián nun evento aberto que promete sorpresas para o público asistente
A Eurocidade Cerveira-Tomiño racha fronteiras coa música e unha soa voz feita de amizade, ritmo e ilusión. Será coa primeira canción oficial da súa mascota, Mizi, un proxecto musical e audiovisual único protagonizado por nenos e nenas das dúas vilas e dirixido polo grupo Oviravai. O videoclip estrearase este venres 9 de maio ás 19.00 h no auditorio municipal de Goián nun acto de presentación cheo de sorpresas, emoción e maxia. O evento celebrarse coincidindo co Día de Europa e ao abeiro da iniciativa Cravos e Rosas, unha experiencia social e cultural que entre o 25 de abril e o 17 de maio tende pontes entre Galicia e Portugal cunha programación compartida de actividades nos dous territorios.
O evento será presentado polo ilusionista tomiñés Samuel Moreno e contará coa participación das e dos protagonistas, así como das autoridades de Cerveira e Tomiño e todas as entidades e persoas que fixeron posible este proxecto coral e transfronteirizo.
A canción, que interpreta a rapera portuguesa Sajú, foi composta con e para a rapazada das dúas beiras do Miño que traballou durante semanas con ensaios en Tomiño e en Cerveira, representando unha vez máis que a Eurocidade é un lugar sen fronteiras e cun futuro compartido. Ese é precisamente o espírito que transmite Mizi nesta peza musical que debuxa a Cerveira e Tomiño como un único pobo no que non existen as fronteiras naturais, físicas ou administrativas.
O videoclip, producido por AwantaProduccións e SantiGoodFilms, percorre espazos emblemáticos de ámbalas dúas vilas, como a Praza do Seixo e de Figueiró, o Espazo Fortaleza e Altos de Torona, en Tomiño, e o miradoiro do Cervo, a Praça da Liberdade, o Parque do Castelinho ou o Forum da Bienal, en Cerveira, así como a Ponte Internacional da Amizade.
O corpo de baile está formado por 16 nenas e nenos procedentes do CitiusFit de Cerveira e da Banda de Música de Goián, que desfrutaron poñendo en práctica a coreografía creada polo bailarín Bruno Orosa. A creación artística foi unha experiencia compartida, coa rapazada traballando en grupo, creando vínculos reais e compartindo esforzos, ensaiando xuntos dúas veces por semana e cruzando o río para colaborar como unha soa comunidade.O proxecto contou tamén coa colaboración do Club Deportivo Miño-Teixugos, do pintor luso Henrique Doval, da Banda de Música da Agrupación Musical de Goián ou de Viveiros Río Tollo.
A actividade está enmarcada na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa INTERREG VI-A POCTEP, e busca facer máis visible, viva e sentida a Eurocidade, reforzando os lazos xa existentes entre Cerveira e Tomiño e facendo partícipes á veciñanza máis nova dese soño común.
The post “Mizi” pon palabras e ritmo á amizade transfronteiriza appeared first on Concello de Tomiño.