O concello de Tomiño contará a partir do mes de maio cun novo servizo moi importante para a poboación, como é a expedición do Pasaporte e do DNI, sen ter que trasladarse, como ata agora, ás oficinas da Policía Nacional de Tui ou Vigo.
O primeiro día que a veciñanza de Tomiño disporá deste novo servizo en Tomiño, será o vindeiro 16 de maio, en horario de 09.30 a 13.00 horas. Unha unidade móbil VIDOC (Vehículos de Documentación Integral), situarase na Praza do Seixo, fronte ao Concello. Trátase dunha furgoneta que presenta características semellantes ás das comisarías presenciais, nas que, ademais de expedir o DNI e/ou Pasaporte, ofrecerán tamén a posibilidade de renovar o certificado dixital ou de rexistrarse na aplicación MiDNI.
A atención nestas novas oficinas móbiles, para a que se necesita cita previa, permitirá obter os documentos no mesmo día.
Para pedir as citas e obter información sobre a documentación necesaria a levar, hai que chamar á Policía Local de Tomiño, no teléfono 986 622 006, ou pasar polas súas oficinas en horario de 9:00h a 14:00h (A Rocha, 8 – Tomiño). Alí poderán consultar o calendario de citas dispoñibles.
“Con este novo servizo de expedición do DNI e do pasaporte, damos un paso máis na modernización da administración e na aposta por facilitar os trámites á veciñanza, evitando desprazamentos innecesarios”, comenta a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A rexedora local agradece á Policía Nacional a súa colaboración e tamén ao grupo socialista municipal, que impulsou esta proposta a través dunha moción nun pleno. “Cando se trata de mellorar a vida da xente, sempre sumamos, polo que seguimos traballando por un Tomiño pensado para a comodidade da súa veciñanza”, afirma.

The post Tomiño ofrecerá a posibilidade de tramitar o DNI e o Pasaporte na propia Praza do Seixo appeared first on Concello de Tomiño.