Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Máis de 400 alumnos e alumnas pechan a campaña “Rodéate de Vida” do Concello de Tomiño

Data de publicación: 28/04/2025

O Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño vén de rematar a súa campaña anual de repoboación con árbores autóctonas “Rodéate de Vida”, estendendo a iniciativa a todos os centros educativos do municipio.


Tras finalizar a entrega de árbores entre a veciñanza interesada en repoboar as franxas de seguridade contra incendios das súas casas con planta forestal frondosa e autóctona, o Departamento de Medio Ambiente convidou aos centros educativos da localidade (colexios de Goián, Tebra, Sobrada, e Barrantes) a facer unha plantación cos escolares.


“Tratamos, con esta actividade, de levar tamén á escola a nosa campaña “Rodéate de Vida”, polo que se reservaron 100 plantas para cada centro escolar, destinados a ser plantados en parcelas das comunidades de montes de parroquia onde se sitúa o centro. Son plantas de ata 10 especies diferentes: sobreiras, aciñeiras, érbedos, castiñeiros, carballos, freixos, nogueiras, cereixeiras, amieiros e bidueiros”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro. A mesma informa que xa se efectuaron as plantacións en Goián, coa participación de 77 estudantes do CEIP Pintor Antonio Fernández; en Sobrada, con outros 30 alumnos e alumnas, e en Santa María de Tebra con 37 escolares. Proximamente está previsto que se faga a do CEIP de Barrantes, coa participación de 27 escolares máis


Ademais, entregáronse 20 castiñeiros ao Ciclo de forestais do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño que, xunto a alumnado de 1º de ESO (18+100 estudantes), empregaron para o seu “Día da árbore”, no entorno da Carballa; e 80 plantas das distintas especies ó Consello de infancia e adolescencia “Voces Novas” que realizará a súa plantación no entorno do Centro Vontade


A todas estas entregas de planta autóctona frondosa, hai que sumar, por último, a acción  organizada polo Colexio Rural Agrupado (CRA), cuxos 119 escolares plantarán outro centenar de árbores, en colaboración coa Comunidade de Montes de Amorín.


Nesta 4ª edición, que a concelleira cualifica como “a máis participativa”, da campaña, entregáronse en total unhas 1300 árbores de especies autóctonas á veciñanza e centros educativos, que deben sumarse ás máis de 4000 entregadas dende o comezo da acción, no ano 2022.


Belén Casaleiro, responsable do programa, quere agradecer a boa disposición e acollida desta iniciativa por todo o alumnado e profesorado dos centros, polas comunidades de montes que axudaron tendo listas as súas parcelas e a Voces Novas, que sempre están dispostos a colaborar. Resalta tamén o número de beneficiarios, propietarios de parcelas en franxa secundaria das 15 parroquias, da acción preventiva e de mellora de biodiversidade, que ascende a máis dun centenar, ata o de agora.


Se ben  reparto comezou en febreiro cos propietarios de parcelas en franxa secundaria que o solicitaron; hai que recordar que durante todo o ano as persoas que posúen parcelas en franxa, poden solicitar plantas, aínda que a entrega levarase a cabo de xaneiro a marzo.



 


 


The post Máis de 400 alumnos e alumnas pechan a campaña “Rodéate de Vida” do Concello de Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.