O Concello segue apostando polas propostas musicais na súa axenda Primavera Cultural. Música coral e de autor; espectáculos musicais para público infantil e adulto conforman a programación deste ano, na que tamén hai cabida, aínda que en menor medida, para a danza, a maxia e o teatro, sen esquecer as Letras Galegas (17 de maio).
Tomiño acolle outra fin de semana de música dentro da súa axenda cultural de primavera. Esta vez haberá rock progresivo (sábado 26, 21.00h) coa banda “Querido”. Encabezada por Andrés Ferreiro, fillo do cantautor vigués Iván Ferreiro, este cuarteto encarna a nova onda de música alternativa con gran profesionalismo. Fundado en 2022, o grupo forxouse unha identidade musical influída polo indie e a esencia clásica do rock progresivo; subxénero que se caracteriza pola inclusión de diversos estilos musicais, letras con contenido profundo, composicións extensas e uso de novos instrumentos.
E para completar o programa, o domingo 27 (17.30h), tamén ao auditorio, chega “Uxía Lambona e a Banda Molona”, con troula e animación para toda a familia. Esta banda recolle clásicos populares galegos, facendo participar á xente, nun “des-concerto”cheo de bailes, xogos, coreografías e sorpresas.
As entradas para ambos os dous espectáculos poden adquirirse dende unha hora antes das funcións no propio auditorio.
“Na nosa axenda cultural de primavera tentamos incluír unha serie de actividades variada e atractiva, que englobe diferentes xéneros artísticos, dirixidos na súa maioría, a un público familiar, pero este ano, fixemos ademais unha aposta decidida pola música nas súas distintas variantes, e agardamos que o público nos acompañe como vén facendo cada ano no auditorio municipal”, sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Xa en maio, o sábado 3, celebrarase outro concerto moi singular. O Curso de Lingua de Signos da OMIX de Tomiño contactou co grupo ” Terapia de Grupo” para crear un concerto inclusivo para persoas xordas. Trátase dunha banda formada por Jairo, Anxo e Lara que traen unha selección de himnos do pop e o rock en galego e en español, xunto con grandes clásicos internacionais e nacionais.

The post Propostas de música de rock e troula esta fin de semana en Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.