Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño celebra a 39ª edición do ancestral Lanzo da Cruz

Data de publicación: 22/04/2025

Onte á tarde, luns de Pascua, celebrouse un ano máis, o Lanzo da Cruz, ancestral tradición que fusiona o pagano e o sagrado. Nesta 39ª edición do acto, os pescadores e sacerdotes de Sobrada (Tomiño) e Cristelo Covo (Valença do Minho. Portugal) realizan un intercambio simbólico que perdurou ao longo dos séculos, cando, á metade do río, se encontran en embarcacións para bendecilas, así como ás redes, e pregar por unha boa tempada de pesca. O acto remata coa entrega dunha lamprea, por parte dos pescadores, aos sacerdotes, en calidade de ofrenda. O Lanzo da Cruz é unha práctica que se vén realizando dende hai varios séculos ao longo do último treito do río Miño e que na actualidade só se celebra na parroquia de Sobrada e na freguesía de Cristelo Côvo.


Como vén sendo habitual, asistiron á celebración membros dos gobernos de Tomiño e Valença do Minho, así como numerosos veciños e veciñas de ambas as dúas localidades, e o bo tempo acompañou.


O concelleiro de Participación Veciñal, Lecer e Mocidade de Tomiño, Agustín González, valoraba así o evento: “Un acto cheo de emoción, tradición e natureza que nos lembra a riqueza cultural do noso concello. Parabéns a toda a xente que o fai posible ano tras ano”, ao tempo que recomendaba non perderse o novo e bonito mural que realizaron as dúas mozas artistas Bil Rivas (Sobrada) e Sabela Pazo (O Porriño), ambas ás dúas estudantes de Belas Artes. “Vémonos na 40ª edición para seguir celebrando xuntos as nosas raíces e gozar deste fermoso espazo natural!”, remataba.


The post Tomiño celebra a 39ª edición do ancestral Lanzo da Cruz appeared first on Concello de Tomiño.