Esta fin de semana celebrouse en Orthez(Francia) a 3ª Copa de España de Slálom e 2ª Copa de España de Caiac Cross. Probas de gran importancia porque forman parte dos selectivos para determinar o equipo que representará a España nas competicións internacionais. A proba estivo determinada polas malas condicións meteorolóxicas e unha organización un tanto deficiente, lonxe do que deberían ser unha probas selectivas.
Do Club Deportivo Miño-Teixugos, participaron Luís Fernández e Manuel Ochoa, centrados máis en acadar unha das prazas no equipo nacional que no medalleiro. Manu comezou a súa participación o sábado nas clasificatorias en K1, pasando sen problema a finais ao rematar cuarto, pola tarde, nas finais, volveu a facer unha gran baixada quedando as portas do podio co cuarto mellor tempo. O domingo tocoulle o turno ao caiac cross, Ochoa gañou con claridade a contra reloxo, pasando a seguinte fase. En cuartos, volveu impoñerse sen problema nos enfrontamentos. Nas semifinais tamén gañou a súa serie, pero sufriu unha penalización na saída, que o deixou fóra da final. Rematou sétimo na fase de enfrontamentos.
Luís comezou o sábado en C1 masculino sénior, acadando o pase a finais co cuarto mellor tempo, pola tarde nas finais, seis segundos de penalización deixárono fóra do podio, rematando en noveno posto. O domingo participou en caiac cross, onde nas probas de contra reloxo rematou décimo cuarto, clasificándose para cuartos de final. Nos enfrontamentos entrou terceiro, quedando fóra de semifinais, rematou a competición en décimo segundo lugar.
Tanto Luís como Manu, demostraron que están na elite do slálom español, aínda que non acadaran podio. Agora quedan pendentes do ditame do equipo técnico da Federación Española de Piragüismo, que seguindo os criterios publicados con antelación, deberán determinar se formarán parte do equipo nacional esta tempada.
Texto e fotos: Rosa Fernández Carrera.
The post BOA ACTUACIÓN DOS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM CELEBRADA EN FRANCIA appeared first on Concello de Tomiño.