Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O Concello de Tomiño recibe a visita do Centro San Xerome Emiliani no marco dun programa de formación para a vida independente

Data de publicación: 16/04/2025

O  Concello de Tomiño acolleu a pasada semana a visita dun grupo do Centro San Xerome Emiliani, unha entidade de referencia na comarca do Baixo Miño que traballa pola atención integral, a inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas con diversidade funcional.


O grupo estaba composto por participantes do Programa de Vida Independente do Servizo de Adultos e da actividade Transición á vida adulta do Servizo de Educación, que forman parte da ampla oferta de actividades formativas e ocupacionais do centro.


A visita enmarcábase dentro do itinerario formativo destas persoas, cun interese especial por coñecer de primeira man o funcionamento da administración local, os servizos municipais dispoñibles e os mecanismos de participación cidadá.


Durante a súa estancia no consistorio, mantiveron unha reunión cos concelleiros Rubén García e Lois Vázquez, que lles explicaron o traballo que se desenvolve dende o Concello, respondendo ás súas preguntas e compartindo impresións sobre o día a día da xestión municipal.


Tanto desde o Concello como desde o propio centro valorouse moi positivamente esta actividade, que resultou ser unha experiencia enriquecedora e motivadora para todas as persoas participantes. Dende o goberno municipal destacaron “a importancia de abrir as portas das institucións e crear espazos reais de encontro e aprendizaxe compartida”.


O Concello de Tomiño agradece ao Centro San Xerome Emiliani o seu interese e compromiso, e expresa a súa vontade de seguir colaborando en iniciativas que promovan a inclusión, a autonomía persoal e a participación activa da cidadanía.


 


 


 


The post O Concello de Tomiño recibe a visita do Centro San Xerome Emiliani no marco dun programa de formación para a vida independente appeared first on Concello de Tomiño.