Tomiño

Comunicacións

Tomiño

MEDALLA DE PRATA PARA O TEIXUGO LUÍS FERNÁNDEZ, NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM

Data de publicación: 31/03/2025

Esta fin de semana celebrouse na canle do Parc Olimpic do Segre a 2ª Copa de España de Slálom e a 1ª de Caiac Cross. Solo Luís Fernández e Manuel Ochoa acudiron en representación do Club Deportivo Miño-Teixugos. Para os dous teixugos a competición tiña gran importancia pois forma parte dos selectivos para o equipo nacional que acudirá ás diferentes competicións internacionais.


O sábado celebrouse a 1ª Copa de España de Caiac Cross, que comezou con dúas baixadas a contra reloxo, que eran as que puntuaban para os selectivos, seguidas dos enfrontamentos. O domingo foi o día para o slálom coa celebración da 2ª Copa de España, na que os deportistas fixeron unha baixada clasificatoria e os doce primeiros pasaban á final.


Luís Fernández comezou o sábado a súa participación en caiac cross, na contra reloxo rematou décimo cuarto, entrando nos enfrontamentos, superou os cuartos de final e caeu nas semifinais. O domingo chegoulle o momento ao slálom, Luís, fixo fronte ás clasificatorias en C1 que superou  cun gran tempo, pero con dúas penalizacións nas portas 6 e 7 que o deixaron no sexto lugar. Na final volveu facer unha gran baixada, que só mellorou o catalá Marc Vicente, rematando en segundo lugar, e conseguindo a medalla de prata.


Manu Ochoa comezou o sábado coas dúas contra reloxo de caiac cross, e demostrou o seu dominio da modalidade ao gañar as dúas rondas, obtendo a máxima puntuación posible para os selectivos nacionais. Renunciou despois a participar nos enfrontamentos para evitar o desgaste físico e reservarse para o slálom do día seguinte. O domingo en K1 conseguiu entrar nas finais ao rematar sexto nas clasificatorias, e xa na finais, a piques estivo de subir ao podio, rematando cuarto.


En quince días, tanto Luís como Manu, volveran a competir en Orthez, na segunda proba dos selectivos para o equipo nacional, loitando  por unha praza no equipo español.



Texto e fotos: Rosa Fernández Carrera

The post MEDALLA DE PRATA PARA O TEIXUGO LUÍS FERNÁNDEZ, NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM appeared first on Concello de Tomiño.