Tomiño

Comunicacións

Tomiño

A Aula CeMIT de Tomiño cumpre o seu 17 aniversario formando dixitalmente a preto de 2000 persoas

Data de publicación: 27/03/2025

A Aula CeMIT de Tomiño, situada no edificio do Campo da Feira, abriu as súas portas hai xa 17 longos anos, aínda que antes se denominaba Rede de Dinamización e a partir de febreiro de 2012, Rede CeMIT. Dende esta data, o total de persoas asistentes aos cursos, foron 1820 e 416 as que foron a charlas e exames. En total, fixéronse 7575 horas de formación, 283 para charlas e exames de certificación.


As actividades formativas que máis se realizaron foron os obradoiros de iniciación a informática e a Internet, uso de dispositivos móbiles, ofimática, retoque fotográfico, busca de emprego a través de internet, deseño vectorial, edición de vídeos e uso responsable de redes sociais. Todas foron de balde e en horario de mañá.


Despois do éxito dos dous últimos anos nos que xa pasaron 115 nenos e nenas, durante os meses de verán, organizáronse cursos para a rapazada sobre tecnoloxías disruptivas como poden ser impresión 3D, pilotaxe de drons, electrónica coa placa Arduino, robótica con Microbit. Tamén organizáronse charlas nos últimos anos sobre ciberseguridade e Iniciación á Intelixencia Artificial. 


Como novidade, este ano realizarase unha actividade sobre programación básica de videoxogos.


Tal é a importancia desta aula que “debido á trascendencia que a Aula ten para os veciños e veciñas de Tomiño, no futuro pasará á situarse na futura biblioteca, conseguindo que estea nun lugar máis preto do Concello e do centro do municipio”, sinala a alcaldesa, Sandra González.


Dende o ano pasado volveu existir a posibilidade de acadar o certificado de competencias dixitais COMDIX mediante un exame que se pode realizar nas aulas CeMIT. Na última convocatoria a finais de 2024, pasaron con este fin 40 persoas procedentes de toda a zona sur de Pontevedra. Nas próximas convocatorias dos meses de abril e xuño deste ano, a aula de Tomiño volverá ser o sitio de referencia no sur da provincia onde realizar estes exames.


Ademais, existe a posibilidade de que tanto os obradoiros como as charlas, poidan realizarse noutras parroquias, como ocorreu o ano pasado en varias ocasións, nas que se celebraron algunhas destas actividades en colaboración coa Asociación Veciñal de Forcadela.


Outra das actividades que desenvolve a entidade son as titorías personalizadas nas que calquera persoa pode achegarse a aula para obter axuda con temas relacionados coas novas tecnoloxías; exemplos destas titorías poden ser a axuda na configuración ou resolución de problemas co móbil, acompañamento no uso da administración electrónica ou apoio na utilización de diferentes tipos de software.


As persoas interesadas poden obter información máis detallada chamando ao Concello de Tomiño, escribindo ao correo electrónico cemit.tomino@xunta.gal, ou directamente na Aula CeMIT do Campo da Feira, de luns a venres de 9:15 a 13:45h e tamén os martes de 16:30 a 20:30h.


The post A Aula CeMIT de Tomiño cumpre o seu 17 aniversario formando dixitalmente a preto de 2000 persoas appeared first on Concello de Tomiño.