Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño conmemora o Día Mundial da Auga lembrando a labor das traídas veciñais autoxestionadas polos propios usuarios e usuarias

Data de publicación: 22/03/2025

 No Día Mundial da Auga (22 de marzo), o Concello de Tomiño quere recoñecer e por en valoras traídas veciñais de auga, que logran manter, dende os anos 70, a xestión dun ben común co traballo dos propios usuarios e usuarias.


Tal como amosa o documental “Da nosa man”, producido durante a pandemia polo Concello co fin de promover estas comunidades xa tradicionais, o goberno local procura recoñecer o heroico traballo levado a cabo polas persoas que fixeron das traídas de auga unha realidade, cando non tiñan recursos económicos nin tecnolóxicos, nin tampouco unha entidade que lles axudara a canalizar os mananciais que nacen nos montes.


A pico e pala polo medio do monte, con seixos e pedras, a veciñanza foi organizándose para traballar, sen ánimo de lucro,todos os fins de semana.


“Creo que temos que salientar a voluntariedade, a forma de traballar polo ben común, ou como foron capaces de poñerse de acordo, para que esa experiencia sirva de exemplo a outros concellos”, sinala a alcaldesa Sandra González, referíndose aos veciños e veciñas que comezaron a ímproba tarefa de canalizar a auga e levala ata as casas, nun tempo de escaseza no que había que recoller diariamente a auga nas fontes, en caldeiros,e camiñar con eles longos traxectos.


“Os veciños queren que ese forma de distribución da auga siga sendo comunitaria, veciñal, e a nosa función é apoiar a supervivencia do sistema. Foi un sono que eles fixeron realidade sen apenas recursos económicos nin coñecementos especializados, e temos que agradecerlles sempre o que fixeron, e continuar”, valora a rexedora


Asemade, é de salientar a labor de Coxapo. Asociación Traídas Agua Rural, que xurdiu tamén en Tomiño, e que se dedica á xestión da auga das traídas de todo o rural galego, agrupando na actualidade máis de 200 comunidades (36 pertencen a Tomiño) que reciben, ademais, formación para poder cumprir con todos os protocolos sanitarios e modernizar o sistema que, na actualidade, está totalmente automatizado.


“Hai que apoialos porque o abastecemento de auga é unha competencia municipal, e as comunidades fixeron de Tomiño co seu esforzo o primeiro concello de Galicia que opta pola autoxestión. Ademais, as traídas son un ben patrimonial que pasa dunha xeración a outra, polo que é moi importante apoialas decididamente”, resalta a alcaldesa.


The post Tomiño conmemora o Día Mundial da Auga lembrando a labor das traídas veciñais autoxestionadas polos propios usuarios e usuarias appeared first on Concello de Tomiño.