Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño promove a capacitación dixital de máis dun centenar de persoas de distintas idades e niveis de estudos

Data de publicación: 19/03/2025

Tomiño promoveu a capacitación dixital da veciñanza con obradoiros teórico-prácticos de capacitación dixital e intelixencia artificial.


O Concello ofreceu varios cursos de balde e 30 horas de duración, co obxectivo de achegar ao público xeral ás novas ferramentas informáticas para poder desenvolverse no ámbito dixital. A acción foi subvencionada con fondos europeos NextGenerationUE a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.


A Concelleria de Novas Tecnoloxías, que dirixe Alexandre Pérez Souto, organizou un total de 8 módulos de capacitación dixital para máis de 100 persoas de diferentes idades e niveis de estudos. Os tres primeiros módulos estiveron dirixidos a persoas desempregadas, seguidos por outros dous obradoiros para traballadores do Concello (limpadoras e operarios). Así mesmo, tocoulle a quenda aos participantes do obradoiro de emprego promovido polo Concello de forma conxunta co Rosal, impartíndose o último de todos a persoas maiores do municipio.


“Estes obradoiros son unha oportunidade fantástica para que a nosa veciñanza se forme en áreas con potencial de futuro”, sinalou a alcaldesa, Sandra González. Como explica a rexedora, dende o Concello “queremos que todos os veciños e veciñas poidan acceder ás ferramentas dixitais que están a transformar o mundo, cunha formación de calidade e de balde”.


Os cursos abordaron en sesións presenciais de tres horas diarias o emprego responsable das novas tecnoloxías dunha forma eficiente e adecuada, explorando todas as oportunidades que estas ofrecen en moitos eidos. Unha aposta clara do Concello pola dixitalización e o coñecemento como ferramentas para acabar coa brecha dixital dende todos os ámbitos.


As principais accións formativas impartidas foron: información e alfabetización dixital, tecnoloxías habilitadoras dixitais, seguridade na rede, creación de contidos dixitais e resolución de problemas.




The post Tomiño promove a capacitación dixital de máis dun centenar de persoas de distintas idades e niveis de estudos appeared first on Concello de Tomiño.