A exposición itinerante de Ecoloxistas en Acción para pór en valor o monte veciñal e os seus servizos ecosistémicos, vén de chegar a Tomiño, onde permanecerá durante un mes.

A mostra consta de 9 paneis agrupados por temas en 3 expositores triangulares. Un expositor fai unha posta en valor dos servizos ecosistémicos, como o abastecemento de auga, a enerxía, o osíxeno e a captación de CO2, como os máis importantes subministrados polo monte veciñal.
Outro expositor destaca a relevancia das traídas veciñais, como o sistema maioritario de abastecemento de auga dos fogares do rural galego. No terceiro e último panel, refléxanse os impactos no monte comunal do proxecto GS-360 da Sociedade Deportiva R.C. Celta.
A exposición, que leva desde outubro do ano pasado percorrendo distintos lugares de Vigo, visitou tamén Redondela da man da asociación Arte Lixo.
Para Ecoloxistas en Acción, os montes veciñais son peza clave para a transición ecolóxica en Galicia. Ademais do seu valor patrimonial en canto a biodiversidade, o monte comunal aporta beneficios como auga e biomasa a milleiros de veciños e veciñas. Por iso, a organización promove que se declaren as comunidades de montes como unha figura de protección ambiental en si mesma.
Porén, múltiples proxectos ameazan o monte comunal galego, desde macro celulosas como Altri, fomentadoras do monocultivo de eucalipto, explotacións mineiras, ata o proxecto GS360 do Real Club Celta nos montes de Tameiga, Mos, coa expropiación e recualificación de solo rústico para beneficio privado duns poucos. A maioría destes proxectos, a pesar de ser moi agresivos social e ambientalmente, contan co aval da Xunta de Galicia ata o punto de que os declara Proxectos de Interese Autonómico ou Estratéxico.
Coa iniciativa colaboran a Organización Galega de Comunidade de Montes, a Comunidade de Montes de Tameiga e a plataforma “A Auga é Vida”, contando coa financiación do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
Galería fotográfica: https://multimedia.ecologistasenaccion.org/Galiza/Exposici%C3%B3n-Montes-Comunais
The post Chega a Tomiño a exposición de Ecoloxistas en Acción para pór en valor os servizos ecosistémicos dos montes veciñais appeared first on Concello de Tomiño.