Tomiño

Comunicacións

Tomiño

A Escola de Base da Sociedade Atlética do Trega suma tres novas medallas autonómicas en Expourense

Data de publicación: 10/03/2025

Ouro para Sergio Silva Souto e Alba Vasconcellos Rodríguez, e prata para Marco de la Fuente Maculewicz, no Campionato Galego de Pista Cuberta Sub-14.


A Escola de Base da Sociedade Atlética do Trega suma tres novas medallas autonómicas en Expourense. Novas promesas do atletismo Trega (Tomiño), brillan no XXII Campionato Xunta de Galicia de Atletismo sub14 pista curta, a inesgotable canteira da escola tomiñesa de mediofondo e fondo, non para de seguir cultivando títulos autonómicos.


Este pasado fin de semana o epicentro do atletismo galego centrábase nas instalacións de Expourense, celebrándose os campionatos de categorías inferiores a cuberta. O sábado fixérono os benxamíns e alevíns, e o domingo tocoulle aos infantís, onde se reuniron máis de 800 atletas.


O máis destacado do noso club foron ese tres medallas autonómicas que conseguiron. O tomiñés, SERGIO SILVA SOUTO que se fixo coa medalla de ouro na proba dos 2000 metros cun crono de 6´39´´81, levándose o título de campión galego 2025.

A guardesa ALBA VASCONCELOS RODRÍGUEZ que tamén se fixo co título de campiona, cun rexistro de 6´59´´98, facendo marca mínima persoal e mellorando eses 7´12´´98 que establecera este inverno ao aire libre.


Para pechar o campionato, o tomiñés, MARCO DE LA FUENTE MACULEWICZ, fíxose co subcampeonato autonómico na proba dos 500 metros, parando o crono nuns fantásticos 1´21´´10 que lle deron a medalla de prata, facendo tamén marca mínima persoal, mellorando eses 1´26´´86 que tiña no seu haber. Desta forma, os atletas adestrados por Javier Sierpes e Patricia Pereira , pecharon os campionatos mencionados con 6 medallas autonómicas, pondo unha vez máis ao concello de Tomiño en primeiro plano.


Dende a Concellería de Deportes do Concello de Tomiño facen chegar a todo o club unha aperta e moitos parabéns por tan boas actuacións, esforzándose sempre para superarse.


 


 


 


The post A Escola de Base da Sociedade Atlética do Trega suma tres novas medallas autonómicas en Expourense appeared first on Concello de Tomiño.