Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño contratará a 20 persoas desempregadas ao abeiro do Plan +Provincia

Data de publicación: 12/02/2025

O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a 20 traballadores e traballadoras contratadas a través do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra a través da liña 3 para a activación do emprego. Estas novas incorporacións “permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais, pero tamén será unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que están na procura de emprego”, como sinala a alcaldesa, Sandra González.


A través deste plan de contratacións cubriranse ata oito postos diferentes con traballadores e traballadoras a xornada completa e contratos de entre seis e nove meses de duración. Así, está prevista a incorporación de:



  • 11 peóns de xardinaría (8 durante sete meses e 3 con contrato de 9 meses).

  • Dúas persoas como peóns da construción (8 meses).

  • Unha persoa instaladora electricista en xeral Oficial 1ª (9 meses).

  • Unha persoa para mecánica de mantemento e reparación de automoción en xeral Oficial 2ª (8 meses).

  • Un soldador ou soldadora de estruturas metálicas lixeiras, especialista (7 meses).

  • Un técnico/a administrativo en xeral, categoría Oficial administrativo (9 meses). Como requisito debeán posuír a titulación ou titulacións de Ciclo Superior ou equivalente da familia profesional de Administración e Xestión que se establezan nas bases da selección.

  • Un traballador ou traballadora social, categoría axudante titulado (9 meses).

  • Un enxeñeiro ou enxeñeira técnica forestal ou biólogo ou bióloga (6 meses).


As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Tomiño, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.


O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes. Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33% sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos, familias monoparentais con fillos ou fillas ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.


The post Tomiño contratará a 20 persoas desempregadas ao abeiro do Plan +Provincia appeared first on Concello de Tomiño.