A Gala do Deporte de Tomiño, na súa 8ª edición, premiou non só o labor dos deportistas xa consolidados, senón tamén das promesas e das asociacións ou persoas implicadas no crecemento do deporte tominés. Un exemplo é a Comunidade de Montes de Tomiño, distinguida polo seu constante apoio ao deporte local co Premio Asociación que fomenta o Deporte; ou o comercio LitoSport, que recibiu o Premio ao Patrocinador.
O público ateigou o Auditorio Municipal (Goián) durante esta oitava gala organizada pola Concellería de Deportes que dirixe Rubén García. Tanto el, como a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valoraron “o esforzo dos deportistas destacados pero tamén o dos seus adestradores,
clubs e entidades locais que fan posible que o soño de moitas persoas amantes do deporte, sexa posible”, referíndose, ademais, á importancia de facer deporte ou algún tipo de actividade física para ter unha mellor calidade de vida.
Presentado polo xornalista deportivo Terio Carrera, o evento foi unha verdadeira festa do deporte na que non faltaron a emoción e os agradecementos, todo acompañado polas actuacións do mago tomiñés Samuel Moreno, que fixo aínda máis atractiva a cerimonia do pasado sábado para desfrute de maiores e pequenos. No tocante aos galardóns, a BTT TERRAS DE TOMIÑO E FLORENTIÑA foi elixida Mellor evento deportivo 2024, e o programa deportivo para persoas maiores que une os concellos Tomiño e Cerveira, OLYMPICS4ALL, levou o Premio á inclusión no deporte.
O premio a Mellor adestrador 2024 foi para JAVIER SIERPES, do Club de Atletismo Trega de Tomiño, quen cultivou o gusto por esta disciplina nos últimos anos, elevando o nivel e número de nenos e nenas de toda a comarca que compiten na actualidade con moi bos resultados.
O premio de Mellor Club Base foi para a AD TOMIÑO, na que ademais de fútbol, ensínanse valores como a convivencia e a importancia do traballo en equipo. Houbo tamén varias Mencións Especiais, que recaeron no TOMIÑO FC e no GOIAN FC- polos seus ascensos a Primeira Rexional. Tamén o TEBRA FC- polo seu ascenso a Segunda Rexional. O TOMIÑO FCF–foi mencionado igualmente; no seu caso, por xogar fase de ascenso a Terceira RFEF- A nivel individual, DAVID MELLA recibiu a mención por resultar Campión do Mundo e Subcampión de Europa VL1 200M en Hungría.Na categoría de Mellor promesa masculina 2024, fíxose co premio MARCOS GARABATOS, nadador do Club de Natación de Mos, e JULIA MARTINEZ, atleta do Clube Atletismo Trega, como Mellor Promesa Feminina 2024.
Por último, o premio de Mellor Deportista Masculino 2024, foi para MANUEL OCHOA, impoñéndose a Pablo Durán e Diego Álvarez nunha axustada victoria; e UXÍA RODRÍGUEZ proclamouse Mellor Deportista Feminina 2024, impoñéndose no seu caso tamén de maneira axustada a Carmen Figueiroa e Laura Silva.



The post Tomiño premia o desempeño do deporte local, con Uxía Rodríguez e Manuel Ochoa como grandes triunfadores appeared first on Concello de Tomiño.