Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño remata o acondicionamento do Torreiro de Festas de Vilameán

Data de publicación: 03/02/2025

 “O obxectivo principal da intervención foi xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente a utilizar o torreiro dun xeito seguro e accesible, potenciando así as actividades de ocio e poñendo en valor o espazo público”. Con estas palabras explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, as obras da segunda fase do torreiro de Vilameán, que veñen de finalizarse.


O Concello de Tomiño dividiu a intervención en dúas fases. En primeiro lugar, nun espazo máis próximo á Igrexa, onde hai dous carballos (un deles de gran porte), árbores que cualifican o espazo e aportan sombra, e a carón deles, un cruceiro. “A finalidade foi protexer o carballo máis grande por constituír un símbolo da parroquia de Vilameán, catalogado no libro de árbores senlleiras de Tomiño e que forma parte xa do patrimonio do concello. Ao mesmo tempo, tentouse acondicionar a entrada do Centro Social, e crear una zona de terrazas (na que hai xa un bar), coa intención de mellorar tamén a calidade de vida da veciñanza.


Por outra banda, as obras levadas a cabo nunha 2ª fase e que veñen de rematarse, executáronse especificamente no torreiro de festas, co obxecto de dar continuidade á intervención anterior, tentando conseguir unha imaxe unitaria do Torreiro xa que antes se utilizaba como aparcamento e para ás verbenas dos días de festa.


Coa a última intervención, tentouse dar unidade a todo o conxunto, e completar a vexetación e o arborado, para que dean sombra no verán; crear unha banda de aparcamento en batería, unha pista de usos múltiples, que se pode empregar de pista de baile nos días de verbena, e unha cancha deportiva de uso diario.


O Concello destaca a implicación durante as dúas fases de obras, dos colectivos veciñais de Vilameán, como a Comunidade de Montes, a Asociación Muiños do Porto e a Comisión de Festas, que compraron parte do espazo que é hoxe campo de festas. “Creo que é un exemplo de colaboración entre colectivos sociais e Concello –asegura Sandra González- e así Vilameán dispón hoxe de 4.300 metros cadrados e un investimento de máis de 300.000 euros”.



The post Tomiño remata o acondicionamento do Torreiro de Festas de Vilameán appeared first on Concello de Tomiño.