O Concello de Tomiño vén de presentar ante asociacións e colectivos veciñais de Carregal (parroquia de Amorín), un estudo de inundacións da zona realizado co fin de identificar as causas deste problema e buscar solucións.
Este traballo financiado con cargo ao proxecto Eurocidade_CT_ADAPT_1_P (co-financiado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE), xurde despois de que entre finais do 2022 e principios do 2023 nesa zona, producíranse precipitacións moi por enriba dos rexistros históricos dos últimos anos.
Exemplo destas chuvias son os 126 litros por metro cadrado rexistrados o día 31 de decembro de 2022, que causaron grandes danos no municipio.
Aquel episodio puxo de manifesto a necesidade de levar a cabo estudos que permitiran definir aquelas zonas con maior risco de sufrir danos, como así tamén as accións necesarias para evitar, na medida do posible, os danos que supoñen estes casos de inundacións.
Así, o estudo tivo unha fase de diagnóstico do estado actual do lugar, e outra de definición de propostas de intervencións. Deste xeito identificáronse 2 zonas de actuación prioritaria. Unha delas é a contorna do depósito da traída de augas de Carregal de Abaixo, e outra, a cuneta da estrada PO-552 ao seu paso polo lugar, e cuxa limpeza reduciría o caudal de auga que, en caso de precipitacións extremas, pasa para Carregal de Abaixo.
O concelleiro de Obras, Acción Rural e Novas Tecnoloxías, Alexandre Pérez Souto, notificou a situación á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, para que realice estes traballos.
Acción humana
Segundo o estudo de diagnóstico realizado, a contorna de Carregal, está moi modificada pola acción humana, de forma que os movementos de terras, peches, parcelamento e camiños, alteraron de forma profunda as escorrentas naturais que permitían o correcto desaugue no lugar. A este problema sumáronselle os cambios de uso dos terreos, na súa maioría, de montes a cultivos, o que provocou o incremento de superficies que resultan impermeables. Así, ademais das zonas asolagables asociadas aos ríos da Furnia e da Briña, detectáronse varias zonas que teñen problemas, máis ou menos graves, de inundación; incluso, en períodos de retorno baixos, tanto na contorna de núcleos habitados, como de zonas de cultivos.
Estes incrementos de caudal son outra das causas de que as vías de desaugue, que xa se ven afectadas polos mencionados movementos de terras, camiños, parcelamentos e peches, reciban unha sobrecarga para a que, na actualidade, non están preparados.
The post Tomiño presenta un estudo de inundacións na zona de Carregal appeared first on Concello de Tomiño.