Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O circo máis disparatado chega a Tomiño co ‘The Show Moscón’ de Galitoon

Data de publicación: 03/10/2024

Este outono Tomiño sube o pano do teatro familiar cunha primeira cita inesquecible, ‘The Show Moscón’, unha produción da compañía Galitoon que promete divertir á cativada e a maiores. Este circo ambulante presentado por un simpático moscón gordecho chega este domingo 6 ás 17.30 horas ao Auditorio Municipal de Goián transformando un armario en máxico escenario onde nenos e nenas poderán gozar de números de varietés cheos de humor, música e personaxes tan excéntricos como encantadores.


“Queremos que as familias vivan momentos inesquecibles e compartan a maxia do teatro sen ter que saír de Tomiño, dun xeito cómodo e asequible”, comentou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora destacou que este espectáculo “é un exemplo perfecto de como a creatividade e o humor poden achegar a cultura aos máis pequenos e pequenas. É este ciclo de teatro o que nos permite crear un espazo de fantasía e risa onde cativos e cativas poidan achegarse ao mundo dar artes escénicas de forma divertida e amena”.


A obra nace como unha homenaxe ás diferentes escolas e técnicas de manipulación de monicreques, aprendidas ao longo dos anos e empregadas por Galitoon en diferentes traballos de teatro e televisión. Dentro do armario, nenos e nenas poderán desfrutar de verdadeiras divas da canción, absurdos números musicais, espeluznantes magos e mentalistas, incribles bebés equilibristas, marabillosos números de danza e un sen fin de humor e colorido.


As entradas para acudir ao espectáculo terán un prezo de 3 euros por persoa e de 1,5 euros para menores de 12 anos. As e os interesados poderán mercar as súas entradas de forma presencial no despacho de billetes do propio auditorio municipal de Goián ata unha hora antes do inicio da obra.


The post O circo máis disparatado chega a Tomiño co ‘The Show Moscón’ de Galitoon appeared first on Concello de Tomiño.