Tomiño
Diversión a esgalla en familia co Show de Fifo ‘Soño’
Data de publicación: 27/06/2024
Diversión a esgalla para toda a familia esta fin de semana en Goián. A programación de verán do Concello de Tomiño acolle o Show de Fifo ‘Soño’, un espectáculo de Troula Animación que promete unha tarde chea de risas na que nenos e nenas poderán participar de forma activa xogando co protagonista.
Será este domingo 30 de xuño ás 19.30 horas na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, espazo no que o público poderá desfrutar de balde deste espectáculo que combina música, bailes, gags cómicos e moito máis a través dunha divertida trama co pallaso Fifo como protagonista.
A través de xogos, bailes e humor Fifo tratará de descubrir se vive nun mundo real ou está realmente soñando, unha cuestión que explorará coa axuda dos nenos e nenas presentes, facendo que toda a cativada se involucre activamente no espectáculo.
O Concello convida a toda a veciñanza a asistir e gozar dun novo espectáculo de Troula Animación que garante unha experiencia inesquecible para desfrutar en familia.
The post Diversión a esgalla en familia co Show de Fifo ‘Soño’ appeared first on Concello de Tomiño.