Co obxectivo de concienciar sobre a tenencia responsable de mascotas e fomentar a adopción de animais de compañía, o Concello de Tomiño celebra este sábado 27 de abril unha nova edición de ‘Peludos en apuros’, unha xornada de sensibilización e adopción de cans e gatos aberta a todos os públicos.
Organizada polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño, ‘Peludos en apuros’ estará de 10.00 a 14.00 horas na Praza do Seixo para promover a adopción fronte á compra de animais de compañía nun encontro para posibles persoas ou familias adoptantes no que se informará a todas e todos os visitantes sobre o problema do abandono e se asesorará sobre os pasos a seguir para adoptar unha mascota.
Durante a xornada, buscarase tamén concienciar a todo o público da importancia de facerse responsable dos animais de compañía e non abandonalos ao longo do ano, tentando combater as estatísticas, segundo as que cada tres minutos unha mascota é abandonada en España, unha das cifras máis altas de abandono animal de Europa.
Dende o Concello e o grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño agradécese a colaboración cidadá, non só participando na xornada senón tamén a través da doazón de alimentos e materiais como xoguetes, mantas, area… que serán entregados ás protectoras colaboradoras.
The post Tomiño celebra unha nova xornada de adopción de cans e gatos appeared first on Concello de Tomiño.